O Partido Comunista de Galicia, pola súa historia e actividade forma parte do movemento obreiro, dos sectores sociais e da cultura que traballan e loitan na perspectiva da construción do socialismo e a realización plena do ideal emancipador do comunismo. O PCG ten como obxectivo estratéxico a superación de toda opresión nacional e a abolición da explotación capitalista.
O PCG ten personalidade política propia en función das características específicas, sociais, económicas, culturais e políticas de Galicia, e desenvolve de xeito creador e autónomo as súas propias alternativas e organización, de maneira solidaria e corresponsable co proxecto político común para o conxunto do Estado que representa o PCE. Xa que logo, o PCG é a federación galega do PCE.
O PCG é unha organización política da clase traballadora, das mulleres e os homes que teñen como obxectivo a consolidación e desenvolvemento dunha democracia plena – política, social, económica e cultural. O PCG afirma o dereito de autodeterminación e a defensa e pulo do autogoberno nacional no marco dun Estado Federal e Solidario, a transformación de Galicia coa superación das estruturas económicas, políticas e sociais que producen desigualdade e dependencia.
O PCG considérase parte das tradicións progresistas e revolucionarias e das loitas do pobo galego, desenvolvidas ao longo da súa historia.
O PCG baséase no marxismo revolucionario e nas achegas teóricas, políticas e culturais dos proxectos de liberación que teñen como obxectivo a democracia plena, a superación de calquera forma de explotación, opresión e alienación duns seres humanos por outros, a emancipación do ser humano e a construción do socialismo como negación dialéctica e superadora do capitalismo. O PCG é un partido laico e republicano.
O PCG sosterá de seu e proporá a Esquerda Unida o mantemento de relacións de solidariedade cos pobos, movementos e partidos que coinciden con estes obxectivos e traballan por acadar unha humanidade sen clases nen Estados. O PCG reitera o seu compromiso, definitorio da súa identidade, coa paz e a cooperación entre os pobos; o dereito universal ao traballo digno, a realización dos dereitos sociais, económicos, políticos e culturais das persoas; a conformación dunha sociedade que se funde nos valores da igualdade, a liberdade , a solidariedade e a xustiza; a radical igualdade e dignidade de todos os seres humanos sen discriminacións de ningunha caste.
O PCG afirma o seu compromiso feminista a prol da consecución da plena igualdade efectiva e real entre homes e mulleres, coa superación de todos e cada un dos vestixios do patriarcado que existen nas formacións económicas e sociais capitalistas.
O PCG afirma o seu compromiso para acadar unha sociedade respectuosa co medio natural que alberga a vida e, xa que logo, quen de deixar as xeracións futuras un medio natural en harmonía co desenvolvemento humano. Decrecemento sustentable
A democracia en todos os eidos da vida social é o eixo normativo sobre o que xira a actividade do Partido para artellar e construír a alternativa ao capitalismo.
A afiliación do PCG basea a súa relación política na igualdade e o respecto, fomentando na nosa acción partidaria a aplicación de medidas positivas que incidan na consecución da igualdade e a non discriminación por razón de sexo, orixe ou cultura, tanto na división das tarefas como no acceso a responsabilidades nos órganos de dirección. O grao de adicación ás tarefas do Partido é voluntario.