Na tarde do 13 de xaneiro faleceu Fernando Miramontes, escaiolista do barrio de Canido, símbolo do que foi o renacer do Partido Comunista no Ferrol do ferro e dos traballadores.
Máis de cinco décadas de militancia interrompida iniciadas en Francia no ano 1962, no que nesa altura era unha das principais canteiras de formación comunista no exilio. Tras o seu regreso a España en 1967 implícase na reorganización do aparato clandestino en Ferrol, nun momento de intensificación da conflitividade obreira e suma de novos sectores sociais á loita democrática..
A súa notable pericia en labores de organización nun clima represivo, a súa tenacidade e visión, destacadas por todos os que lle acompañaron en tan difíciles anos de entrega á causa das liberdades, valeranlle o alcume do Gavilán. El mesmo sufrirá o peso do terror fascista sendo detido e encarcerado en diferentes ocasións, mesmo torturado tras os sucesos do 10 de marzo.
Unha figura esencial para comprender o proceso de construción da alternativa democrática que defendemos para Galicia. Un dos principais dirixentes comunistas ferrolán, membro do Comité Central do PCG dende inicios dos anos 70, firme e consencuente a unhas ideas e proxecto ata o último día da súa vida.
Moral impoluta, honestidade demostrada, firmeza política, elementos todos eles recoñecidos incluso por aqueles que foron adversarios, impulsaron a súa candidatura nas primeiras eleccións municipais tras a restitución da democracia. Seis lexislaturas nas que dende o PCG e Esquerda Unida, en oposición e en tarefas de goberno, contribuíu a tinguir de esperanza e voz a ese Ferrol vermello e rebelde. Hoxe falar de municipalismo democrático é falar de Fernando Miramontes.
O Partido Comunista de Galicia e a Xuventude Comunista recordarán por sempre a un insigne loitador, a un grande entre os grandes do mundo, un líder construído dende e polo pobo traballador.
Recollendo a súa testemuña, continuaremos a loita.

Deja una respuesta