Ante ao que está a acontecer no Concello de Ponteareas con respecto á xestión do ciclo integral da auga, dende o Núcleo de Ponteareas do PCG, queremos manifestar a nosa preocupación polo camiño que está a tomar o actual goberno municipal. A falta de actuacións para respectar o acordo plenario de 2018 que pretendía iniciar o proceso de remunicipalización do ciclo da auga comezando coa creación dunha comisión que debería determinar a forma máis sostible de xestión, está a deixar ás claras que a intención do goberno municipal é a de manter este servizo privatizado. A este respecto temos que lembrar que este posicionamento por parte do goberno municipal non é algo irrelevante.
Estamos a falar, coa finalización do contrato de xestión, da oportunidade de devolver á xestión pública un servizo que leva privatizado 30 anos. Polo tanto o simple feito de non facer nada para recuperar a xestión municipal do servizo é unha clara manifestación das verdadeiras liñas políticas de dous partidos, o BNG e o PSOE, que se identifican a si mesmos coma de esquerda. Pero o feito é que a maiores xa contrataron no mes de agosto, por 18.000€, a unha empresa para que redacte un novo contrato de xestión externa. Lonxe de actuar minimamente coma partidos de esquerda, aínda que fora burguesa, actúan como conseguidores do capital para perpetuar o roubo á clase traballadora por parte das grandes multinacionais.
Non podemos deixar de lembrar que a xestión privatizada dos servizos é unha maneira de multiplicar a explotación da clase traballadora e dos recursos naturais por parte do capital: As redes de abastecemento e saneamento, a estación potabilizadora e a depuradora, están construídas con cartos públicos. O traballo de mantemento das redes e plantas e a atención ás persoas usuarias o fai o persoal traballador. E por suposto, as persoas usuarias, clase traballadora na súa inmensa maioría, pagan o servizo. Polo tanto, os donos da empresa benefícianse das infraestruturas públicas, do traballo do seu persoal e do pago do servizo por parte dos usuarios. Unha triple explotación da clase traballadora. Sen esquecer que o cobro dos recibos promove o malgasto de auga ao manter un consumo mínimo de 15 m3 mensuais. O único que ten que facer o empresario é recoller os beneficios. E esta é a situación que queren manter o BNG e o PSOE, en perfecta concordancia coa dereita que soamente mostra o seu desacordo político para tentar pescar en río revolto.
Polo tanto dende o PCG sumámonos á campaña levada a cabo por Esquerda Unida en Ponteareas para acadar a xestión pública da auga e condenamos a actitude servil co capital do goberno municipal de Ponteareas.
Deja una respuesta