Dende o PCG expresamos o noso rexeitamento ao xuízo que a partir do día de hoxe celebrarase na Audiencia Nacional contra doce persoas vinculadas ás organizacións galegas Causa Galiza e Ceivar, dentro das denominadas “Operación Jaro e Jaro II”.
Esta causa, sustentada sobre o ficticio relato dunha trama armada en Galicia, pode carrexar penas de prisión de entre 4 e 12 anos para as diferentes persoas investigadas, a privación de dereitos cívicos e cuantiosas multas, así como o cesamento de actividades das organizacións das que son parte. De consumarse, sería un grave precedente na vulneración das liberdades públicas e o libre exercicio do dereito de asociación e opinión.
A utilización espuria do fenómeno do terrorismo e o discurso do medo, repetindo o patrón que xa vimos en casos como o de Altsasu, amosa ás claras a deriva autoritaria na que seguen inmersos importantes aparatos do Estado, especialmente unha xudicatura debedora das estruturas de poder do franquismo. Un paso máis na fabricación do inimigo interno como coartada do mantemento dunha lexislación penal regresiva en materia de liberdades e dereitos públicos.
As e os comunistas reafirmamos a nosa aposta por unha modificación integral do Código Penal, por un sistema xudicial que protexa as liberdades e non as persiga, garantista na protección dos dereitos individuais e colectivos, onde non teñan cabida ferramentas xurídicas de excepción como as que amparan este proceso. Unha tarefa urxente ante a escalada represiva durante esta última década contra distintos activistas sociais, sindicais e políticos.
Dende o PCG mandamos un saúdo solidario ás persoas xulgadas, as súas familias e compañeiras, manifestando o noso apoio ás diferentes iniciativas de denuncia e solidariedade fronte este atropelo. Por todo isto, sumámonos ao manifesto “Muro cidadán contra a represión”, xunto a diversas entidades políticas e sociais do país, en demanda do arquivo da causa.
Deja una respuesta