O PCG APOSTA POLA INMEDIATA NACIONALIZACIÓN DE ALCOA SAN CIBRAO.

O tempo esgótase, pero non só para a veciñanza de Cervo e para a A Mariña lucense. O tempo esgótase para todo o País. Fai apenas dúas décadas que o […]
Share

O tempo esgótase, pero non só para a veciñanza de Cervo e para a A Mariña lucense. O tempo esgótase para todo o País. Fai apenas dúas décadas que o goberno de José María Aznar vendeu unha das empresas máis importantes e con maior poder estratéxico de Galicia, e hoxe atopámonos ao borde dun abismo social e económico. Se definitivamente a factoría de Alcoa pecha 524 traballadores quedarán no paro; pero ademais, en cuestión de semanas, a reacción en cadea provocará miles de despidos e a quebra de pequenos comercios e de empresas auxiliares. A actividade económica de Alcoa supón o 30% do produto interior bruto de toda a provincia de Lugo, o que mostra ás claras a relevancia desta industria e da fabricación de aluminio para toda a comunidade autónoma. É necesario extraer leccións da presente crise e ter capacidade produtiva propia. O país debe ter a capacidade de garantir a elaboración de bens e bens de equipo chaves para a sociedade como fórmula para ter soberanía real. Neste caso, o desmantelamento de Alcoa en San Cibrao borraría a produción de aluminio primario no territorio nacional, básico para infinidade de cadeas de valor industrial.

É urxente a intervención pública da factoría e a súa inmediata nacionalización. Non só polo papel económico e social que Alcoa ten para Galicia, senón porque a fabricación de aluminio xoga un papel estratéxico esencial para todo o estado que ningún goberno intelixente debería ignorar. Non podemos permitir que as manobras deshonestas dunha empresa privada poña en perigo o futuro dun país. O goberno de España nunca debeu vender Inespal, pero agora é necesario impedir, de calquera das maneiras, que Alcoa peche e iniciar, a continuación, as xestións necesarias para devolver a fábrica a mans públicas. Existen momentos claves que condicionan o futuro, e este é un deses momentos. Alcoa San Cibrao debe ser nacionalizada.

Durante esta última década de gobernos do Partido Popular Galicia careceu de política industrial. Feijóo non tomou ningunha decisión nesta materia, coma se o desenvolvemento industrial xerminara por ciencia infusa. A consecuencia é o acontecido con Vulcano, Barreras, Poligal, Isowat, R, Caramelo, Tesolar, Viriato, Conservas Cuca… E a lista continúa. É urxente reverter esta tendencia e que o desenrolo industrial de Galicia sexa unha prioridade para a Xunta. Unha nova etapa política que debe de comezar coa intervención e nacionalización de Alcoa San Cibrao.

Por outra banda, a incesante redución de postos de traballo industrial derivados das políticas de privatización comezadas nos anos 80 ata a actualidade, e a non existencia dunha estratexia e dunhas políticas industriais no Estado e en Galicia, tradúcense en que a mocidade traballadora galega ten unhas reducidas expectativas de atopar traballo digno, estable, non suxeito á estacionalidade, e con soldos e dereitos laborais decentes. Os datos de paro e temporalidade xuvenil son absolutamente alarmantes e están estreitamente relacionados coa falta de emprego industrial.

A democracia non é real se as grandes multinacionais poden, coas súa decisións, deixar a miles de persoas na rúa e condenar a un país á ruína e sen un futuro. Deixar a política industrial nas mans do capital é unha irresponsabilidade dos poderes públicos. Precisamos un plan industrial para Galicia que xere emprego estable e de calidade. Non só para saír

desta crise, senón para ter un futuro próspero e seguro. É por iso que dende o Partido Comunista de Galicia apostamos por unha industria pública, ao servizo do pobo e do desenrolo económico, demográfico e social de todos os territorios.

Share