O PCG denuncia o caso de explotación de inmigrantes de Tordoia e solidarízase cos traballadores afectados

Esta semana vimos de coñecer a existencia dunha trama mafiosa que mantiña en situación de escravitude a varios traballadores migrantes. En distintos municipios da bisbarra de Ordes varios obreiros eran […]
Share

Esta semana vimos de coñecer a existencia dunha trama mafiosa que mantiña en situación de escravitude a varios traballadores migrantes. En distintos municipios da bisbarra de Ordes varios obreiros eran obrigados a realizar labores agrícolas sen ningún tipo de dereito laboral, soportando tratos denigrantes, baixo graves ameazas (ata de morte) e incluso agresións físicas. Os traballadores acusan ao seu capataz de delitos contra os dereitos dos traballadores, detención ilegal, ameazas e tenencia ilícita de armas. Comportamentos camorristas que lamentablemente non son unha excepción. En distintas comunidades autónomas do Estado véñense denunciando situacións similares nos últimos meses; case sempre centradas en persoas migrantes, que pola súa situación de desamparo acotuman ser vítimas deste tipo de situacións

Informacións coma esta lémbranos a importancia da solidariedade entre todas as traballadoras e os traballadores. Non podemos permitir que a patronal adopte medidas abusivas (sexan as que sexan) contra os obreiros. Non importa cal sexa orixe das persoas explotadas, isto non é un caso illado, un problema só das persoas estranxeiras. O empresariado sempre utilizará os métodos que considere necesarios para maximizar os seus beneficios e manter o seu poder e control fronte aos seus empregados. Na defensa dos dereitos da clase obreira non debemos ceder nin unha migalla. Ao patrón non lle importa o país de orixe da súa man de obra, só lle importa aumentar os seus beneficios. Se permitimos que algún sector da clase obreira quede desprotexido e sen dereitos, xa sexan mulleres, mocidade, inmigrantes ou desempregados de longa duración o capitalismo tratará de servirse do seu desamparo para explotalas inhumanamente.

Dende o Partido Comunista de Galicia esiximos que se chegue ata o final nesta investigación e que aquelas persoas que teñan responsabilidade nesta trama respondan ante a xustiza. Ademais, solicitamos que aumenten exponencialmente as inspeccións de traballo, en todos os sectores, pero sobre todo naqueles onde ten mais presencia a man de obra migrante. Por último, lembrar ás autoridades que é unha obriga ética inaprazable a regularización de todas as persoas que viven no noso territorio. Non é comprensible manter en situación de alegalidade a miles de persoas que vagan polo noso país, totalmente carentes de dereitos e a mercé de abusos de todo tipo.

Share