Comunicado en apoio a Marco Antonio Santos

O PCG na comarca de Vigo quere expresar a súa solidariedade co cabo do exército Marco Antonio Santos, que está a sofrer represalias por expresar as súas conviccións democráticas. En […]
Share

O PCG na comarca de Vigo quere expresar a súa solidariedade co cabo do exército Marco Antonio Santos, que está a sofrer represalias por expresar as súas conviccións democráticas.

En agosto de 2018, un grupo de militares na reserva, entre eles un gran número de altos cargos, firmaron un manifesto (https://ame1.org.es/6750-2/) no que se louvaba a Franco como un soldado exemplar e se manifestaba a oposición á decisión do Goberno de exhumar os restos do ditador.

Outro grupo de militares demócratas e viúvas de militares redactaron un contramanifesto (http://contraelfranquismoenlasfuerzasarmadas.blogspot.com/) onde se rexeitaba o contido do anterior. Expresaba que Franco non merecía desagravio ningún, xa que se puxo á fronte dun golpe de estado que rematou cunha República legalmente constituída, e tamén que os membros do exército non debían constituírse como un grupo de presión. Marco Antonio Santos foi un dos asinantes deste manifesto e por esta razón foi expedientado e sancionado, ademais de investigar as súas opinións en redes sociais.

O PCG entende que a lealdade á Constitución, que prometeu o cabo Santos, non é incompatible coa defensa dos réximes democráticos e polo tanto non incumpriu as leis burguesas. Cando temos constancia da gran influencia que exerceu a aínda continúa a exercer o franquismo no exército, pensamos que é positivo que existan persoas comprometidas cos valores democráticos e republicanos nas Forzas Armadas.

Por todo isto queremos apoiar a Marco Antonio Santos e animar á cidadanía a acudir á concentración organizada polo Colectivo Republicano de Redondela, que terá lugar este venres, día 5 de xullo, na Praza do Concello de Redondela ás 20:00h.

Share