O Partido Comunista de Galicia e a Xuventude Comunista solidarízase con Nicanor Acosta que será xulgado o vindeiro martes día 13 de Outubro por participar, cando outros e outras activistas, na defensa e paralización do despexo de Aurelia Rey, na Coruña no ano 2013.
Nicanor, ao que se lle solicita unha multa de 600 euros, foi nomeado neste 2015 «Republicano de Honra» pola Comisión da Recuperación da Memoria Histórica de A Coruña, precisamente poñendo en valor o seu firme compromiso coa xustiza, activismo social e coa loita contra calquera inxustiza.
Hoxe, un Estado en plena transición cara o autoritarismo, aplica a Lei Mordaza a quen, sufrindo a represión e a cadea durante o franquismo, soubo continuar a súa loita tendendo a man a quen menos ten, facendo da loita pacífica e da xenerosidade, hoxe en día tan escasa, bandeira de unidade con colectivos tan dispares como as Marchas da Dignidade, Stop Desafiuzamentos, a Plataforma de Vítimas do Alvia, ou a Plataforma pola Saúde de Arteixo, entre moitos outros.
Dende o PCG e a XC queremos denunciar unha vez máis a represión que sofren colectivos, activistas, organizacións que loitan día a día contra Leis salvaxes coma a que permite que unha persoa maior de 80 anos e sen recursos poida rematar na rúa.
Facemos un chamamento á nosa militancia é ao conxunto da clase traballadora consciente a solidarizarse con Nicanor e co resto de activistas que sofren a represión e participaren o martes 13 de Outubro na concentración solidaria convocada ás 10:00 no Edificio Proa, en Matogrande, A Coruña.
Deja una respuesta