O PCG E A XC PRESENTARON HOXE A CAMPAÑA DO 10 DE MARZO

Share

O Partido Comunista de Galicia e a Xuventude Comunista anunciaron a súa presenza na mobilización que tradicionalmente se celebra en Ferrol, no día da Clase Obreira Galega, para reivindicar a memoria de Amador Rey e Daniel Niebla, militantes das Comisións Obreiras asasinados polo franquismo no ano 72 cando defendían os dereitos dos obreiros dos estaleiros públicos.

Esta mañá, a Secretaria Xeral do Partido Comunista de Galicia, Eva Solla e a Secretaria Nacional da Xuventude Comunista, Begoña Rodríguez, manifestaron o seu apoio á mobilización e reivindicaron a data coma un día de loita da clase traballadora polos seus dereitos. Así, Eva Solla referiu que as situación no noso País é inadmisible, con máis de 257.000 persoas paradas froito das sucesivas Reformas laborais levadas a cabo, tanto por parte do Partido Socialista coma do Partido Popular.

Eva Solla fixo un breve repaso pola situación de Galicia, fortemente afectada en todos os sectores: «a destrución de emprego derivada das políticas de axuste, recorte e da propia reforma laboral ten afectado aos tres grandes bloques de emprego no noso País. Por unha banda, o emprego público foi fortemente atacado mediante a amortización de prazas e o recorte na cobertura de baixas e vacacións. Sanidade, Benestar, Educación, Xustiza… cada vez están máis limitados para desenrolaren o seu traballo. Os recortes en materia sanitaria están a derivar en continuos colapsos dos servizos e no caso de Benestar, coma xa denunciamos no propio Parlamento Galego, están causando unha situación de traballo baixo mínimos, nunhas condicións de semiescravitude

Por outra banda o sector industrial sufriu unha forte perda de postos de traballo, peche de empresas e deslocalizacións. O dumping social favorecido polas polas políticas do Partido Popular está a levar fóra das nosas fronteiras a grande parte da industria auxiliar da automoción, que traslada a súa produción a lugares onde esta é máis barata. O sector naval viuse fortemente afectado pola redución da carga de traballo, soportando os traballadores e traballadoras as mentiras dun Goberno que nada fai para solucionar a situación. Nos sectores primarios a situación é se cadra peor. As políticas comunitarias, do estado e do propio Goberno galego están levando ao agro á súa morte definitiva. Os nosos gandeiros e gandeiras soportan os prezos do leite máis baixos do Estado e moitas explotacións vense abocadas ao peche. Na pesca, o Goberno Galego segue sen defender os intereses da nosa flota e cando fai a penas un ano os mariñeiros do cerco enchían as rúas de Compostela coas súas reivindicacións, volvemos a estar nunha situación igual ou peor, cun novo recorte nas cotas de captura neste 2015.»

A Secretaria do PCG salientou ademais que tampouco a ocupación laboral asegura condicións e vida dignas: «a propia reforma laboral, e o resto de normativas neste senso, facilitan descolgues de convenios e recortes en materia salarial. Por outra banda, temos en Galicia, unha temporalidade que supera o 90%. A realidade é que todo isto está a causar un grave empobrecemento da clase traballadora no noso País, pasando a formar parte do que se coñece coma traballadores e traballadoras pobres ou precariado. Hoxe en día, ter un contrato non asegura xa os ingresos mínimos para vivir con dignidade. Estamos nunha situación de emerxencia na que 672.000 galegas e galegos viven en situación de pobreza.»

En canto á Secretaria Nacional da XC, Begoña Rodríguez, esta advertiu que a mocidade é unha das grandes prexudicadas desta crise, xunto coas mulleres: «Para a XC, é urxente a resposta da mocidade na rúa ás políticas dos Gobernos central e autonómico, que supuxeron que nos últimos anos unhas 150.000 persoas en Galiza emigraran ao estranxeiro, a meirande parte mozos e mozas. Ademais, é a mocidade a que sofre especialmente unha situación laboral moi precaria, a temporalidade, e tamén o desemprego. Négasenos un futuro digno.

Outro dos sectores máis golpeados polas actuais políticas e as reformas laborais son as mulleres. Estas afondaron na fenda salarial e a precarización dos empregos das mulleres, ademais de atoparnos co teito de cristal e as dificultades para acceder ao mercado laboral. É especialmente dura a situación das mulleres e a mocidade no rural»

A Secretaria da XC quixo lembrar tamén a relación que esta situación de crise ten co propio sistema: «Estamos ante a crise do Réxime do 78, un réxime herdeiro do franquismo que golpeou e golpea duramente á clase traballadora e os dereitos dos e das traballadoras. Por iso pulamos por rachar con este e co sistema, e apostamos por facelo dende a unidade popular e a loita da clase obreira».

IMG-20150309-WA0010

Share