ANTE AS INXERENCIAS DO PARTIDO POPULAR AO GOBERNO DEMOCRÁTICO DE VENEZUELA

Share

O Partido Comunista de Galicia denuncia o vergoñento apoio que o Goberno do Partido Popular está de facto a proporcionar aos movementos golpistas contra o Goberno venezolano.

Resulta inadmisible que un Goberno responsable dunha pobreza infantil alarmante (1 de cada 4 nenos e nenas é pobre), de cifras de desafiuzamentos que roldan os 400.000 e que mantén a impunidade do franquismo con miles de milleiros de persoas desaparecidas sexa quen de permitirse o atrevemento de pronunciarse contra o poder xudicial e o poder executivo dun Estado democrático, no que constitúe unha clara inxerencia nos asuntos internos do mesmo.

O pasado mes de Marzo o Congreso das Deputadas e Deputados aprobaba co apoio de PP e PSOE, unha iniciativa na que solicitaba a liberación dos opositores acusados de golpismo, nomeadamente Leopoldo López e Antonio Ledezma, ambos participantes xa do Golpe de Estado de 2002 contra o Goberno venezolano. Agora é o Partido Popular en Galicia quen pretende continuar na irresponsable liña inxerencista, apoiando un movemento responsable das revoltas que remataron con 43 persoas mortas en 2014.

Estes apoios tanto por parte do Partido Popular e do Partido Socialista repiten os xa efectuados polo seus Gobernos respectivamente no Golpe de 2002 -Aznar apoiou publicamente ao golpista Pedro Carmona- e durante o Caracazo en 1989 -Felipe González apoiou nitidamente a Carlos Anrés Pérez responsable da morte de milleiros de venezolanos e venezolanas-.

O Partido Comunista de Galicia lamenta que cando en Galicia 672.000 persoas viven en risco de pobreza e exclusión social, 33.000 familias malviven sen ningún tipo de ingreso e continúa o éxodo masivo da nosa mocidade o Goberno do Partido Popular en troques de tomar medidas para atallar a dramática situación de galegas e galegos prefira evitar alentar aos movementos golpistas no Estado bolivariano de Venezuela, que o vindeiro mes de Xuño recollerá un novo recoñecemento en Roma da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) pola eliminación da pobreza e a fame neste país. O Goberno Venezolano, que xa superou os Obxectivos do Milenio, leva entregadas xa 700.000 vivendas e conseguiu mediante as diferentes misións políticas que a pobreza pasase do 66% en 1999 a soamente o 5,5% en 2014.

O Partido Comunista de Galicia reitera o seu apoio ao Goberno da República Bolivariana de Venezuela e aos seus logros en materia social, o respecto ao poder lexislativo venezolano e condena as irresponsables inxerencias do Goberno do Partido Popular a Venezuela.

eva_VENEZUELA

Eva Solla, Secretaria Xeral do PCG, amosando o seu apoio ao pobo bolivariano.
Share