O próximo xoves 11 de febreiro vaise vivir unha xornada de mobilizacións cunha importancia capital para os intereses inmediatos da clase traballadora de todo o Estado. As principais centrais sindicais convocaron para ese día unha xornada de reivindicación na que esixir ao goberno de coalición a aplicación da axenda sociolaboral e a aprobación de medidas encamiñadas a mellorar a vida das traballadoras e traballadores do país.
Baixo o lema “Agora sí toca”, o obxectivo das protestas é lembrarlle ao goberno a aplicación das políticas recollidas no programa de investidura: a subida do salario mínimo interprofesional, a derrogación da reforma laboral e da reforma das pensións do goberno do Partido Popular.
Para o PCE e o PCG tamén agora é o momento. O momento de crear condicións laborais dignas, protexer as pensións e crear un modelo fiscal e tributario máis xusto. Por iso, estaremos o próximo xoves nas rúas das distintas cidades galegas apoiando as demandas de CC.OO. Coñecemos que existen sectores, incluso dentro do goberno de coalición, que se opoñen á aprobación das medidas máis progresistas do programa, por iso a mobilización segue sendo imprescindible. O Partido debe estar nas rúas impulsando a transformación social.
O 11 de febreiro marca o inicio dun calendario de mobilizacións para esixir a adopción dunha axenda sociolaboral que devolva á clase traballadora os dereitos perdidos durante os gobernos de Mariano Rajoy. Durante este camiño o Partido Comunista de Galicia estará do lado dos intereses das traballadoras e dos traballadores. As e os comunistas sabemos que ningún dereito foi alcanzado sen a loita organizada e a protesta social e neste período non o imos esquecer.
As concentracións comezarán ás 12h nos seguintes lugares:
Coruña | Delegación do Goberno (praza de Ourense) |
Santiago de Compostela | Praza das Praterías |
Lugo | Subdelegación do Goberno (praza de Armanyà) |
Ourense | Subdelegación do Goberno (parque de San Lázaro) |
Vigo | Farol de Urzáiz |
Pontevedra | Subdelegación do Goberno (praza de España) |
(Non é preciso lembrar que debemos observar en todo momento ás normas de seguridade sanitaria sinaladas polas autoridades e atender, en todo momento, as indicacións das persoas encargadas da organización das concentracións.)
Deja una respuesta