O PARTIDO COMUNISTA DE GALICIA CHAMA A MOBILIZARSE EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA O VINDEIRO 10 DE FEBREIRO

O Partido Comunista de Galicia participará na nova xornada de loita en defensa do sistema público de saúde que a plataforma SOS Sanidade Pública convoca para este domingo 10 de […]
Share

O Partido Comunista de Galicia participará na nova xornada de loita en defensa do sistema público de saúde que a plataforma SOS Sanidade Pública convoca para este domingo 10 de febreiro en Santiago de Compostela.

As e os comunistas vemos con preocupación o rápido deterioro dun servizo esencial para as clases traballadoras tras máis de dez anos de desmantelamento dos mecanismos de protección social e a función pública por parte dos gobernos do Estado e da Xunta de Galicia.

Unha ofensiva contra a sanidade que ten na subfinanciación crónica, nas insuficiencias estruturais de persoal e planificación de recursos humanos, na precarización das condicións laborais e salariais dos profesionais sanitarios ou na redución dos medios materiais, algunhas das súas expresións máis crúas.

Esta serie de problemas que afectan ao funcionamento dos servizos de saúde, con resultados directos na degradación da calidade prestacional e no alargamento dos prazos de atención e tratamento ás e aos doentes, tomaron expresión pública nos últimos meses ao fío da intensificación da resposta social e sindical.

O PCG saúda a loita desenvolvida por traballadoras e usuarias na demanda dun cambio de rumbo que sitúe no centro a protección pública do dereito a saúde, obriga inescusábel que hoxe o goberno de Feijoo está lonxe de garantir.

Ao persoal dos Puntos de Atención Continuada, unidades vertebrais para garantir mínimos asistencias en moitos puntos de Galicia, en folga dende o pasado mes de outubro reclamando equipos completos de profesionais ou equiparación dos seus dereitos ao resto de empregados do SERGAS.

Ás traballadores dos Servizos de Urxencias, como no caso do CHUS, con recoñecidas carencias en recursos técnicos e humanos. Non hai máis que recordar a estampas de plantas pechadas hospitais coma os de Santiago, A Coruña ou Salnés mentres pacientes teñen que ser atendidos nos propios corredoiros por colapso e sanitarios deben de facer fronte a xornadas de traballo extenuantes en entornos de presión e estrés laboral.

Na Atención Primaria, cun abandono endémico do que representa o a porta de entrada ao sistema sanitario e que ten reflexo no aumento da frecuentación e carga de traballo no resto de niveis. Modificacións na estrutura de administración e unha década de recortes que levantaron unha oleada de protestas, co fito na recente dimisión da case totalidade das xefaturas de servizo da Área de Vigo.

E tantas outras loitas que agroman en diversas partes de Galicia: o persoal de ambulancias do 061, as nais e pais de vilas como San Sadurniño, Mondariz ou Cangas, o rexeitamento dos colectivos médicos ante a oferta de contrato precario para os médicos residentes, pola ampliación da cobertura de centros no rural, etc.

A estratexia é clara, demoler o sistema público de sanidade para xustificar a súa posterior entrega e espolio polos monopolios que operan no sector. Unha área cobizada polo gran capital para impoñer a idea de negocio, ben promovendo a ampliación do mercado da sanidade netamente privada, ben facilitando fórmulas de privatización encuberta coas xa consabidas secuelas económicas e asistenciais.

A loita en defensa dun sistema sanitario público, integral e gratuíto, torna así parte indispensábel da loita da nosa clase por un proxecto de vida digna e pola mellora xeral das condicións de traballo.

A garantía do acceso á saúde en condicións de calidade, seguridade e igualdade, o que indefectiblemente pasa pola súa prestación en réxime único por parte dos poderes públicos dende a dotación e valorización dos diversos profesionais implicados, representa un elemento vertebral no proxecto de país que as e os comunistas aspiramos a construír.

Por elo chamamos a encher masivamente as rúas de Compostela este domingo berrando unha vez máis que a sanidade non está en venda.

Share
Etiquetas: