O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia da a razón ao traballador vigués da factoría PSA Peugeot Citroën, e recoñece o despedimento nulo, ao considerar que as razóns disciplinarias que aduce a empresa para o seu cese agochan realmente un caso claro de persecución sindical. Así pois, David, obreiro en PSA e afiliado á CUT, convértese no primeiro traballador ao que os tribunais recoñecen sufrir persecución sindical por parte da multinacional francesa en Vigo.
Aínda que a empresa está obrigada a devolverlle o seu posto de traballo (ademais do soldo desde o día do seu despedimento e 10.000€ en concepto de indemnización), PSA aínda non comunicou ao traballador a súa reincorporación, nin se sabe si acudirá ao Tribunal Supremo para buscar unha sentenza favorable.
PCG: Boa tarde, compañeiro. Gustaríanos saber cómo comenzou todo e que argumento empregou a empresa para o teu despedimento inicialmente.
David: Boas, todo isto vén porque eu estou afiliado á Central Unitaria de Traballadores/as (CUT), e presenteime nas listas deste sindicato ás últimas eleccións sindicais en Citroën. Tempo despois, tiven unha lesión de costas e causei baixa no traballo. Coa dor que tiña non podía facer o meu traballo. Case me custaba moverme. Pois uns meses despois, a empresa despídeme porque segundo eles, estivera facendo “tarefas incompatibles” á baixa laboral… polo visto, puxéronme un detective privado e graváronme vídeos coa miña parella na rúa, comprando, etc. Hai que dicir que nese momento había moitísimas persoas de baixa e eu fun a única á que lle puxeron un detective, que encima non sacou nada… as veces que nos gravaron era saíndo da compra, a miña parella con tres ou catro bolsas e eu cunha, noutra grabación mentres estabamos na praia paseando, ou só mentres collía algo da guantera do coche. Na documentación dicían que eu ía cargado, que me estaba bañando na praia ou nunha postura imposible para sacar cousas da guantera, pero ao final… nos vídeos non saía nada diso. Evidentemente, logo de todas estas mentiras fómonos a xuízo.
PCG: Que pasou no primeiro xuízo para que chegásedes ao TSXG?
David: Fomos ao Xulgado do Social de Vigo e recoñecéronme o despedimento improcedente, pero eu non quería irme á miña casa sen máis. Eu quería que me recoñecesen que o que fixo esta xente era ilegal, e por iso recorremos ao TSXG.
PCG: Que cambiou no segundo xuízo?
David: Eu creo que entre outras cousas, foi moi importante o informe do ISSGA (Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral), onde se dicía claramente por parte da propia administración, que coas miñas lesións, eu non podía facer os 400 movementos repetitivos que me pedían no traballo ao día. Si a iso súmaslle que nos vídeos eu non saía facendo ningún esforzo e que á xente que estaba de baixa coma min, non a investigaron… está claro que querían dar un escarmento á xente que lles leva a contraria (á empresa), e iso, non lles gusta…
PCG: Como viviches esta situación desde o punto de vista persoal, e que apoio recibiches do teu sindicato e doutros sindicatos ou seccións sindicais no traballo?
David: Home… eu acababa de ter unha filla e non era precisamente o mellor momento para poñerme a buscar traballo. Os meus compañeiros da CUT estiveron en todo momento comigo e respectaron todas as miñas decisións, o cal agradézolles. O resto de sindicatos non fixeron unha merda. De feito, no Comité de empresa, chegouse a dicir a un compañeiro “que cada un recolla os seus mortos”. Ese é o nivel. É moi triste como funcionan o resto de sindicatos na empresa. Non só o FSI, eh?… UGT, CIG, CC.OO… ninguén se molla de verdade polos traballadores. A empresa está encantada con eles. En 2015, un sindicato pequeniño como a CUT, convocou folga en fábrica e facía a hostia de anos que ninguén convocaba unha. Coa forza que teñen o resto, o fodidos que estamos desde fai anos, e ningún destes pensou que haxa que facer folga, de verdade?…
PCG: Crees que isto xera un antes e un despois na loita sindical en Citroën?
David: Non o sei… agora a empresa intentará devolvernos o golpe en canto poida. Despedir a algún compañeiro, poñer algunha sanción a alguén. Pero bo… é esperanzador que nos tempos que vivimos, déase a razón a alguén cando se lle está perseguindo pola súa afiliación sindical.
PCG: Moitas grazas polo teu tempo David, e noraboa polo teu logro e a túa loita.
David: Grazas a vós.
(Entrevista feita o venres 4 de novembro de 2016 en Vigo)
Deja una respuesta